TOPONIMIA

 

O VISO: Do latín VISU-, participio de VIDEO. O étimo podería ser VISUM-I, 'cousa vista, obxecto exposto á vista', pero R. Lorenzo recolle no seu glosario a forma "VISO 'altura ou eminencia, lugar alto desde onde se descubre moito terreo', de VISUS, 'sentido da vista', 'aspecto' ". Calquera das dúas acepcións podería ser válida. Teñamos en conta que no Viso está o monte da Peneda, lugar alto e pronunciado desde onde se pode ver unha extensa paisaxe e, á inversa, o pico pode ser visto desde moitos lugares.

 

A PENEDA: Non se trata do nome dun barrio, pero é importante para explicar a etimoloxía de O Viso.

Corominas fala dun étimo latino para a palabra española "pen": "PEÑA", do lat. PINNA, 'almena', tamén 'pluma' : "as rochas que erizan a cresta dun monte peñascoso comparáronse coas almenas dunha fortaleza". A primeira documentación recóllea en Galicia, no século VI, penna: "En galego-portugues antigo a forma máis castiza foi pena (...) hoxe todavía usual no común 'penedo', 'peñasco,peñascal'... e difundida en toda a toponimia do país ..."

Para Rivas o étimo é anterior, do céltico penn- / pinn-, 'rocha, outeiro'. A forma aparece na toponimia galega formando ás veces grupos tautolóxicos, como o caso Outeiro das Penas.

Moitos outros autores consideran a forma prelatina sempre sobre a base p-n: céltico "pen" (dez) , ligur "penna" -para os topónimos franceses- (Denazat e Rostaing), precéltico ou preíbero "pin-" (Alvar) .

 

A NOGUEIRA: Do latín vulgar nucaria, 'nogueira', do latín NUCEM, 'noz'. Na Idade Media aparece nucarium (neutro), 'plantío de nogueiras' e nucarius (masculino), 'nogueira'. No latín existía NUX, NUCALE, NUCETUM,... e o latín vulgar creou nucaria, 'nogueira', analóxico de piraria, matianaria, ficaria... co sufixo -aria.

Machado rexistra en 1806 a forma nogueira como topónimo: "...in uilla nogueira de ecclesiola...".

 

SARAMAGOSO: De "saramago", que procede do árabe saramaq, máis o sufixo abundancial do latín vulgar -osu-a.

 

SOUTOXUSTE: A palabra souto procede do latín SALTUS 'paso estreito, desfiladeiro' e despois 'pastío en desfiladeiro' e 'pastío, bosque'. No Noroeste, segundo Rivas, especializouse en 'bosque de castañas'.

 

TUIMIL: Piel clasifica este topónimo segundo a forma final do mesmo xa que para el é un dos "topónimos identificados ... con nomes de propietarios hispano-visigodos ... A disposición segundo os compoñentes finais recoméndase por seren estes acentuados e ter sufrido menor desgaste fonético que os elementos iniciais, cunha análise etimolóxica que se revela frecuentemente moi problemática".

Ese segundo elemento do que fala Piel é o sufixo -mil (ou -mir), xenitivo de -milo/-miro, de -MIRU, procedente do xermánico MEREIS, 'famoso, célebre'.

Para Moralejo as formas Toimil / Tuimil / Toumil son xermánicas de orixe nas que "alternan os diptongos resultantes da caída dalgunha consoante, como Toimil..., do coñecido nome TEODEMIRUS/-I".

 

Bibliografía: "Aproximación á toponimia do Concello de Redondela" de Álvaro Iriarte Sanromán.

 

Ata logo