PETO DE ÁNIMAS DE SAN ANTÓN DE TUIMIL


Peto de ánimas sinselo de tipo aberto encaixado na parede dunha casa. Ten reixa e caixón metálico para a recollida de esmolas. Unha cruz en altorelevo e dous pináculos laterais coroan o peto na súa parte superior. O retablo é de pedra sen policromar. Atópase presidido pola imaxe de San Antón sobre unha nube e complétase por embaixo con tres ánimas.

Os petos de ánimas atópanse en camiños e encrucilladas de toda Galicia, e son unha das manifestacións materiais do culto ós mortos, da devoción polas ánimas.

A crenza da continuidade da alma despois da morte e da existencia dun paso intermedio para chegar ó ceo, onde se redimen os pecados e faltas cometidas en vida, está moi arraigado na mentalidade popular galega.

Dentro das construccións populares, os petos de ánimas son os que evidencian a importancia do purgatorio. A finalidade destes elementos populares é que os vivos poidan ofrecer esmolas para a salvación das almas en pena que non encontran descanso no purgatorio, e así alcancen a felicidade no ceo. Unha vez liberadas, intercederán por quen fixo a ofrenda. Por tanto, trátase de procurar a salvación dos mortos pero tamén de asegurarse a propia. Moitos deles foron construídos pola devoción dun fregués ou polos veciños dun lugar.

 

 

Segundo parece, en Galicia é no século XVIII cando se fan a maior parte destes monumentos dedicados ás ánimas; e os máis antigos conservados corresponden ó século XVII.

Tanto a súa dimensión como iconografía son variadas, polo que é difícil establecer unha morfoloxía xeral, aínda que si se pode indicar que o corpo central do peto está composto por unha cavidade na que normalmente se representa ás ánimas no purgatorio, en relevo, pintura…, e un peto ou hucha para botar as esmolas. Estes elementos veñen a maioría das veces acompañados doutros secundarios: cornixas, pilastras, portiña de ferro

Tamén é habitual que ó pasar por diante do peto, se rece unha oración polas benditas ánimas para que poidan saír do purgatorio. Tamén se lles agradece algún favor feito, porque acostuman a axudar ós vivos; pídeselles axuda para solucionar algún problema, e colócanselles flores no seu recordo, pois hai que telas sempre presentes. As ánimas, sobre todo, ténselles respecto e non se poden esquecer nunca.

 

Bibliografía: "Galicia 2000: A arquitectura popular galega", Xunta de Galicia.

Ata logo