O POBO

Parroquia situada ó Norte de Redondela lindando coas parroquias de Cesantes, San Martiño de Ventosela e co Concello de Soutomaior. Está formada por catro núcleos de poboación: Tuimil, A Nogueira, Souto Xusto e Saramagoso, onde conviven 1.521 veciños. Está atravesada polo río Pexegueiro de onde se nutren de auga unha serie de muíños que no seu tempo foron decisivos para a economía da zona. O pobo de Souto Xusto posúe unhas tranquilas calas na beira do mar e na Nogueira podemos visitar algúns petroglifos esculpidos polos antecesores dos actuais poboadores. No pobo de Tuimil atópase o parque do Loureiro, un lugar idóneo para o deleite de nenos e maiores gracias a súa tranquilidade e a beleza do conxunto florístico.

O Viso está atravesado de Sur a Norte por un tramo da rota portuguesa do camiño de Santiago. Nembargantes este pobo destaca pola preciosa atalaia que preside toda esa zona. No entorno desta atalaia, coñecida como o monte da Peneda, atópase a Igrexa de Santa María do Viso, a capela da Virxe da Peneda, así como diversos restos arqueolóxicos e un magnífico miradoiro.

O nome do Viso ten unha clara reminiscencia funcional na súa toponimia. Procede da forma visu, dos verbos latinos video e viso, ver, contemplar, e fai referencia a lugares elevados desde onde se poden contemplar amplas panorámicas. O seu nome procede entón da presencia do antes mencionado miradoiro da Peneda. O Padre Sarmiento, na súa viaxe a Galicia en 1745, apunta:

"... sóbese a un alto desde o que se divisa toda a ría de Vigo, e as illas de Baiona, que semellan pechar toda a barra ... aquí un monte altísimo como pirámide, que chamar A Peneda. No alto hai ruinas dun castelo, e hoxe hai unha nova ermida de Nosa Señora, que chaman de Peneda. Este monte deixa case ó poñente a ría de Vigo, e case ó oriente Souto Maior ..."

Ata logo