OS MUÍÑOS DO RÍO PEXEGUEIRO

 

Muíño de cubo

 

Características xerais

Os muíños que atopamos no río Pexegueiro podémolos clasificar como de roda motriz horizontal (rodicio). Dentro deste tipo atopamos muíños de cubo e de balsa. Os muíños de cubo caracterízanse porque posúen unha columna de entrada de auga que funciona coma un depósito no que esta acada a presión precisamente pola altura do cubo, de xeito que o volume de auga preciso para moer vese controlado con este sistema. Disponse ó final da canle, formando corpo co edificio do muíño. Ás veces presentan unhas características arquitectónicas interesantes naqueles casos nos que se trata de grosos aneis de granito de grandes dimensións superpostos ata acadar unha considerable altura, incluso podemos atopar exemplos destacables cando a estes cubos se unen unhas canles realizadas en granito cun último tramo que se soporta en aros ou estruturas alinteladas para salvalo desnivel. Os muíños de presa ou balsa polo xeral poden ser de dous tipos:

a) Os que a balsa se realiza no mesmo leito do río; teñen a función de acumular a auga para abastecer, normalmente, a máis dun muíño e tamén se adoita aproveitar para lavadoiros, regas, etc. Realízase cun muro de pedra, xa que é o material máis resistente, aínda que tamén se empregan terróns e por veces algo de madeira. Neles acumúlase a auga que se conduce ós diversos muíños que se localizan na beira, ou a un único muíño.


b) Aqueles nos que a balsa está realizada fora do leito do río e nas que non só se acumula a auga senón que tamén se regula a presión desta; é un depósito que fai de reserva de auga, mesmo cando o río non trae moita, tamén ten como finalidade principal asegurar unha regularidade na presión cando a auga cae sobre o rodicio, garantindo así unha moenda uniforme.

No tocante á súa arquitectura, podemos dicir que se trata de construcións de planta rectangular oscilando entre os 4 e 6 m e dous pisos ou niveis; tremiñado e inferno. Os seus muros están construídos con cachotes. As cubertas son todas a unha auga, excepto a dun muíño que é de dobre vertente, e con tella do país, algúns, e plana outros, supoñemos que dalgunha restauración pouco fiel.

Son muíños sinxelos, todos dunha única estancia a excepción dun, que mediante un pequeno muro separa a zona onde se almacenan os sacos de millo, e onde se soía durmir, do muíño en si. As datas de construción dos muíños son descoñecidas, pero cremos que oscilan entre finais do século XIX e principios do XX.

Muíño da Gándara

Muíño de planta rectangular, a unha soa auga, e tipoloxía de cubo. Conserva en bo estado os seus elementos funcionais.
Muíño de Tuimil
Similar ó anterior, pero de balsa. Atópase en total estado de abandono, conservando unicamente os muros exteriores.
Muíño do Cabo da Vella
Semellante ós anteriores, coa peculiaridade do seu alto cubo. Só conserva os seus muros exteriores, e algún resto da cuberta.
Muíño da Nogueiriña
De planta en L, dividido en dous módulos ou estancias a diferente nivel por mor da pendente. Unha delas sería adicada á moenda, e a outra faría as funcións tanto de almacén como de dormitorio para o muiñeiro. Ten tipoloxía de cubo e conserva a cuberta e o seu mecanismo.
Muíño de Cadabal
De planta rectangular a dúas augas. Conserva o seu mecanismo de rotación e moenda, non así as pezas da moega. Posúe tipoloxía de balsa.
Muíño do Mato do Lombo
De similar morfoloxía ós tres primeiros, con tipoloxía de cubo.
Muíño da Grisana
De planta rectangular a unha auga. Posúe tipoloxía de balsa e conserva o seu mecanismo.


Bibliografía: "Restauración integral do Río Pexegueiro e o seu entorno".2001 de Ramón Alfonso Meis e Xosé Sobral Amoedo

Ata logo