MONTE DA PENEDA - ERMIDA DA VIRXE DAS NEVES

Capela da Peneda

Impoñente atalaia sagrada que domina a ría e todo o concello. A douscentos cincuenta metros sobre o nivel do mar posúe un santuario adicado á Virxe das Neves da Peneda que se festexa o día cinco de Agosto. Esta é unha capela barroca de planta rectangular con cuberta a dúas augas dunha nave dividida en dous tramos por un arco faixón de medio punto, con bóveda de canón e arco triunfal apuntado. Fachada inscrita nun pórtico con arco de medio punto de grandes dimensións. Situase sobre un antigo castro, e sobre o castelo de Castrizán levantado en 1477 polo Arcebispo de Santiago para cercar o castelo de Soutomaior e manter o control sobre Pedro Madruga. Contaba cunha torre de tres pisos, que o señor de Soutomaior non tardou en destruír.

O santuario de Nosa Sra. das Neves tivo a súa propia confraría devocional (1649-1860), á que debían pertencer case tódolos veciños do Viso; encargábase de celebrar a festividade de agosto -coa asistencia de 5/8 curas- e uns sufraxios polas ánimas dos asociados defuntos. Tiña un altar colateral adicado a San Xoán Bautista. A comezos do XIX tamén se festexaba o luns de Pascua e o San Miguel de setembro. Na década de 1830 preparábanse ós veciños para gañar o xubilu "procíngula" do convento franciscano de Agrelo. Tamén, nos anos de calamidades, ofrecíanse misas de novenario pedindo o Señor favorable tempo para a conservación dos froitos.


Os devotos daban esmolas de millo, viño, roupas e animais pequenos, e, ó menos dende 1828, tamén os hábitos mortuorios que portaban os rapaces que estiveran enfermos, e dende 1887 caixas fúnebres de párvulos. Algúns romeiros adoitaban pasar a noite nos arredores da ermida, polo que se acendía unha "luminaria" con piñas secas ou alquitrán, logo substituída por farois de gas.


O teito era orixinariamente de madeira, sendo substituído antes de 1843 por unha bóveda de pedra, e o chan non se baldosou ata 1825. Os retablos, feitos en 1747, foron renovados case por completo en 1878, obra do mestre redondelán Aquilino Fernández. En 1840 construirase o escano e muros de perpiaño que pechan o adro e no 1848 o arco do pasadizo da banda norte. En 1889 un raio estragou o cruceiro, fabricándose un novo, que debe ser o actual.

Parte posterior da capela
Vista aérea da Peneda

Dende a cima do monte da Peneda vese cara ó oeste como se estende a ría de Vigo, que, dende a súa entrada taponada polas illas Cies, ata o fondo, en Arcade, semella un gran lago. Cara o Norte pódese ver o val de Soutomaior presidido polo seu magnífico castelo. A presenza de frondosas árbores como as centenarias sobreiras, permitirannos, xunto con estas magníficas vistas, o deleite da sombra e a tranquilidade nun día de lecer.

 

Bibliografía: X. Miguel González. "As vellas ermidas redondelanas. Unha aproximación histórica" (http://www.ipdca.com/internovas/)

Ata logo