LENDAS DO POBO

 

Relátanse a continuación unha serie de lendas relacionadas coa parroquia do Viso e o seu entorno. Estas pertencen a unha recompilación feita por Víctor Lis Quiben para o libriño "Santuario de nuestra señora de la Peneda" así como ó artigo " As lendas mouras na bisbarra de Redondela" elaborado por Antonio Soto López.

 

A LENDA DE PEDRO MADRUGA

Di a lenda que, para solucionar o litixio pendente entre Don Pedro Álvarez de Soutomaior e o conde de Ribadavia, sobre cal debía ser o límite que separase os seus dominios, conviñeron en saír a cabalo a media noite e cando cantase o primeiro galo, respectivamente de Soutomaior e Ribadavia, nunha mesma dirección e no sitio onde se atopasen, aquel sería o límite dos mesmos; pero coñécese que o hábil de Pedro Madruga saíu antes da hora convida, pois cando o conde de Ribadavia iniciaba a súa marcha xa se atopou con aquel, pronunciando estas palabras: " Madrugas, Pedro, madrugas", e de aí o alcume con que se lle coñece a través da páxina da historia.Nembargantes, Vasco de Ponte di que lle chamaban Pedro madruga "porque madrugaba moito cando facía as súas cabalgadas" e T. Vesteiro cita, "porque lle aparecía ás xentes antes que a aurora".

 

DO SUBTERRÁNEO DA PENEDA

Dicían as xentes do lugar da existencia dun subterráneo que, partindo da cima do monte de A Peneda, chegase ó castelo de Soutomaior por unha parte, cando precisamente o castelo de Castrizán, levantado polo arzobispo Fonseca, servía para vixiar a Pedro Madruga, amo e señor do mesmo, e que pola outra tivese as súas bocas de saída na ponte do Canal e en Pontesampaio. Ademais cóntase, que por ditos ramais, na batalla deste mesmo nome contra os franceses, durante a Guerra de Independencia, enviáronse reforzos ás tropas do xeneral Morillo, cando o dispositivo das tropas de dito xeneral asentaba na parte de Arcade e a dos franceses en Pontesampaio e precisamente ó ver o Mariscal Ney, que mandaba ditas tropas, que non era capaz de vadear o río, tratou de cruzalo moito máis arriba para atacar as forzas españolas polas costas, enviando unha columna formada por un batallón de infantería e un escuadrón de cabalería cara Pontecaldelas. Na ponte deste pobo foron rexeitados, tendo que retirase cara Pontevedra, non sen antes ver abatido a seu orgullo ante aquel exército mestura de militares, estudantes e paisanos.

Esta lenda tal vez teña a súa orixe na presenza, no mencionado monte da Peneda e un pouco máis abaixo da muralla que circunda a ermida, dunha boca de entrada a unha especie de mina ou cova.

 

O MISTERIO DAS LABAZADAS DA COVA DA PENEDA

Na cova situada un pouco máis abaixo da muralla que circunda a ermida de A Peneda, era crenza entre os habitantes desta zona que todo aquel que entrase na cova , recibía labazadas por uns seres extranos que tiñan a súa guarida na mesma. Dita crenza estaba moi estendida e os que ousaban desentrañar o seu secreto, a pouco de entrar retrocedían apresuradamente, pois era tal o número de labazadas que recibían que o pánico máis enorme se apoderaba deles. Un bo día D. José Solla Bouzas, en unión doutros amigos e provistos dunhas potentes lanternas, co ánimo de desentrañar o secreto de referencia, penetraron no seu interior, quedando fora un dos seu acompañantes, por carecer de valor suficiente para seguilos na súa temeraria empresa e grazas a quen puido aclararse a verdade do que había alí dentro. En efecto, a pouco de avanzar polo seu interior recibiron tal número de labazadas que de non ser varios os que habían entrado a bo seguro que terían desistido do seu propósito e retrocedido ó exterior. Pero unha vez comprobado de que se trataba dunha explotación mineira, probablemente romana e ter collido diferentes obxectos que o atestiguan, ó saír ó exterior foi cando se aclarou o misterio da cova, o dos seres extranos que recibían a labazadas a todos aqueles que tentaban penetrar nela, pois o que tiña quedado fora viu saír unha cantidade de morcegos tal, que seguramente que ó asustarse pola acción da luz das lanternas, coas súas as tropezaron na cara dos visitantes da cova e deron a estes a sensación de ter recibido unhas labazadas, extremo que con toda franqueza fixeron constar ó saír ó exterior e que os seguiría mantendo na dúbida e o engano, dando novamente vida á lenda.

 

A BRUXA DOS BOCADOS

Era costume que nos días en que se celebran festas na Peneda asistisen á misa solemne gran número de "danadas" ou enfermas afectadas polo "bocado", doenza que non cabe dúbida que é o "meigallo" e que tal variante no nome obedece ó feito de que esta enfermidade entra a través da boca coa inxestión de mazas, doces, pan ou viño embadurnado ou mesturado con fluxo menstrual, nunha palabra embruxados. A ditas enfermas ó Santo, ou no momento de alzar se lle abría a boca e dicían " que me aperta"e os que lle acompañaban replicábanlle "bótao fora; ¿quen cho deu?", contestando aquelas " non o podo dicir". Outras veces a pregunta era a seguinte: "ladra, p...; ¿en que cho deron?", ó que xeralmente respondían "foi nun anaco de bola que sabía ben". Era corrente que non descubrisen quen lles tiña dado o "bocado" e un individuo que tiña reliquias da Santa envoltas nun pañuelo, que pasaba polo pescozo ás enfermas ó mesmo tempo que dicía "bótao fora" e o efecto consistía, segundo certas referencias, en que vomitaban pelos e agullas. Pero sucedeu un día de festa, no momento que lle preguntaban dentro da capela a unha "danada" "¿quen cho deu?" esta houbo de dicilo e entón unha bruxa que estaba nas inmediacións e fora a causante da enfermidade, tratou de impedilo pasándolle unha vela por diante da boca e dándose conta deste detalle, a xente que se atopaba ó seu redor arrastraron á bruxa polo pelos cara o atrio, e esta ía " dando berros como unha raposa" e, unha vez en dito sitio, a rodearon e cubriron de leña, plantándolle fogo. Así, mentres uns aseguran morreu queimada, outro din o contrario, mesmamente a xente dicía " non arde, botarlle máis leña" e que escena rematou escapando a bruxa monte abaixo a saltos como unha galiña e mirando cara atrás, co que conseguiu librarse das iras dos seus perseguidores.

 

LENDAS DE MOUROS

Recóllense a continuación pequenos textos que fan referencia a distintas lenda mouras localizadas na parroquia de O Viso.

Santa María do Pazo - Barrio de Soutoxuste- "Noutros tempos, fundiuse a terra. A unha parteira que atendía a unha moura dábanlle un líquido para poñelo na fronte do neno. Botouno ela por riba de si e coñecía ós mouros aínda que estivesen encantados. Os mouros cando o souberon, obrigáronlle a quitalo".
- "Enterrados, hai pelexos de ouro e veleno"
- "Na pedra de Abalaxe, que cubre a marea, peitéanse as mouras con peites de ouro feitos por elas".
- "No Pazo, vivían os mouros, e desapareceron cando se fixo o Acto de animas na igrexa".
- "Os mouros de Pazo ían xogar onde a moura peiteaba os seus cabelos".
- "Unha moura con forma de serpe, saíulle ó camiño a unha muller que ía para a feira de Redondela, e pediulle que a desencantara".
- "A unha parteira que axudou a unha moura déronlle en pago un feixe de leña. Deixouno caer no camiño e convertiuselle en ouro".
- "unha moura con forma de serea, peita o seu cabelo na beira do mar".

Monte da mina - Barrio de Soutoxuste- "No alto do monte da Mina hai unha moura que peitea os seus cabelos ó sol e saca os tesouros fora (da terra) que son de calderilla".

Monte Cabaleiro- "Hai unha pedra (pía) que lle chaman a bañeira dos mouros, e nela bañábanse os mouros".
- " Hai unha pedra con forno que usaban os mouros"
- "Os mouros vivían no monte Cabaleiro, e aínda hai un cantar:
No monte Cabaleiro
hai unha moura encantada
que fixo parar o tren
cunha bandeira encarnada.

Eido dos Mouros - Barrio de Soutoxuste- "Alí vivían os mouros".

Monte Baltar (ou Altar)- "No Outeiro das Cabras hai unha pedra que era a bañeira dos mouros e usábana para lavarse. Ó seu lado ten unha xaboneira, tamén de pedra".
- "No Outeiro do Forno, hai un forno de pedra feito polos mouros".

A Peneda- "Ó pé da sobreira está enterrado un tesouro de mouros".
- "Na cova dos mouros, hai tesouros enterrados. Non fai moitos anos un home da parroquia andaba aparvado de tanto dicirlle que había ouro na mina dos mouros. Xa non sabía falar doutra cousa, ata que un día foi buscar o tesouro enterrado. Ó pouco, os labregos que traballaban nas veigas do pé do castro escoitaron:

- ¡Vou para toda miña vía!¡Vou para toda a miña vida!
- ¡Ven cargado!¡Atopouno! Berráronlle.
E pensando que atopara o tesouro:- ¡Reparte con nos! ¡Reparte con nos!
- ¡Vou repartir carallo, que din co picachón na fronte!"

Bibliografía:
- Antonio soto López. As lendas mouras na bisbarra de Redondela. GALLAECIA 9-10- Victor Lis Quibén. SANTUARIO DE NUESTRA SEÑORA DE LA PENEDA.
Ata logo