FESTA DOS FACHOS

Subindo A Peneda cos fachos

 

Tradición recuperada en 1997 por varias agrupacións e colectivos culturais redondeláns. É celebración do solsticio de verán, limiar das fogueiras de San Xoán, pero tamén un xeito de reivindicación do monte da Peneda, das pegadas históricas e dos mitos de seu. Ás once da noite reúnen a tódolos asistentes ó pé deste monte emblemático que se ergue entre terras de Redondela e Soutomaior, na aldea do Viso, e desde alí soben ó cumio portando uns fachos, e formando unha comitiva que se distingue desde tódolos lugares do concello. Ó chegaren arriba invocan as tradicións e sinais de identidade do lugar; seguidamente, prenden lume a un folión cos fachos e preparan unha queimada reparadora.

 

Invocación dos Fachos
 

Houbo unha vez un tempo
en que Galicia señoreou sobre os outros reinos das españas;
no que a nosa língua foi levada polos trobadores nas súas cantigas por todas as cortes cristiáns
no que os canteiros de toda a Europa deixaron a súa palabra e a súa arte escrita sobre as nosas pedras.

Houbo unha vez un reino
con reis e señores propios
que fixeron desta periferia
un centro de cultura e influencia
dentro e fora da península.

Pero cando a este gran esplendor lle chegou o seu ocaso
naceron os grandes señores
que en momentos concretos da súa vida ou da súa morte
pasaron a ser símbolos para o pobo
dunha resistencia contra a historia devoradora doutros pobos e identidades
símbolos daqueles que loitaron nalgún momento concreto
para que a nosa historia non pasase a formar parte doutra historia,
para que a nosa cultura non fose substituida por outras culturas.

Cando o vello Rei Arturo realizou a súa derradeira viaxe cara á illa de Abalón
prometeu que cando o seu pobo o necesite
volvería para devolverlle o esplendor perdido.

Hoxe, cando a nosa cultura e a nosa identidade
perigan entre as fauces duna globalización uniformizadora,
cando estamos esquecendo a nosa historia,
deixando de transmitir as nosas tradicións e mesmo o idioma ós nosos fillos;

Hoxe, máis que nunca
invocaremos o regreso da súa particular illa de Abalón
ó máis grande cabaleiro que señoreou as terras de Redondela e Soutomaior,
para poñelo á fronte da recuperación do esplendor cultural
que noutro tempo brillou sobre estas terras.

Por iso, amigas e amigos todos,
nesta máxica xuntanza ó redor do lume de San Xoán
invoquemos con forza o seu nome
todas e todos a unha: PEDRO MADRUGA...

 

ACCESO
Pola N-550, entre Pontevedra e Tui (o centro urbano de Redondela queda no P.K. 142). Tamén, pola autoestrada A-9 (saída 137), que se conecta co P.K. 130 da N-550. A subida ó Viso (2 km.) atópase no P.K. 139. Pasada a igrexa do Viso hai unha pista á man esquerda que chega ó monte da Peneda.

Máis información.

Ata logo