CASTRIZÁN: APOXEO E DECLIVE DUNHA FORTALEZA MEDIEVAL NA PENEDA

 

De curta existencia pero intensa vida, a fortaleza de Castrizán foi construída entre agosto e setembro do ano 1477 polo arcebispo compostelán do Alonso de Fonseca II cun obxectivo claro: o militar, vixiar o acceso dende o sur, reforzar o entorno da Pontesampaio e ser freo para a fortaleza de Soutomaior, casa principal do conde de Camiña, Pedro Álvarez de Soutomaior.


Construída, a bo seguro, coa propia pedra do monte do Viso, trátase dunha fortaleza adaptada perfectamente á súa función. En primeiro lugar polo emprazamento, de vista privilexiada e dominio das vías de comunicación e da contorna; e en segundo lugar, pola súa morfoloxía, con sistemas defensivos coma unha recia muralla, almeas, unha barbacá –aínda por localizar- para protección do acceso principal e a torre da homenaxe non incardinada nun muro senón exenta e no centro do recinto –normal, xa que non había ningunha esquina libre dun ataque. Tiña tamén dous accesos e estruturas intramuros que unicamente que unicamente unha escavación arqueolóxica podería dilucidar con certeza. Ademais, xa nunha primeira observación sobre o terreo, localizamos facilmente os vestixios da antiga torre ou bara de casa, no centro do enclave, baixo a igrexa, ocupando unha posición preeminente.


E foi precisamente o conde de Camiña quen, logo da súa estadía en prisión castelá, remata con Castrizán, en 1478/9, no que, polas descricións das fontes, debeu ser un fermoso episodio militar, con don Álvaro de Varcea, veterano aliado do arcebispo compostelán, defendendo a fortaleza e atrincheirándose na torre da homenaxe ata que, atacada esta nun dos seu ángulos, comezou a abanear, véndose obrigados a renderse.


A fortaleza foi derrubada esa noite. Parte da pedra alimentou construcións do Viso e de Redondela, e outra reutilizouse na construción da ermida de Nosa Señora de As Neves da Peneda, xa en época moderna,e baixo a cal os vestixios de Castrizán son aínda visibles.


Reconstruamos pois, dende a historia, os feitos. Dende que fora liberado da súa prisión en Castela, Pedro Álvarez de Soutomaior atopouse cun novo inimigo fronte a el: o castelo de Castrizán, edificado aproveitando a súa ausencia no verán de 1477. Tras varios intentos de tomar a fortaleza e algún tempo de vixilancia, escaramuzas, berros e voces de Castrizán a Soutomaior e viceversa, as hostes do conde de Camiña, probablemente cara á segunda metade de 1478, parten do castelo de Soutomaior, guiadas polo propio conde e por Fernández de Aldao, meiriño da fortaleza nomeado por do Pedro. Tras un breve traxecto cercan sen maior dificultade Castrizán, onde se fortificaban os homes do arcebispo, acaudillados polo meiriño da fortaleza, don Álvaro de Varcea, cabaleiro membro dunha liñaxe xa veterana no servizo ao arcebispado compostelán dende os anos 30.


Polo acceso norte chega, a través do camiño que levaba a Soutomaior, un exército de varios centos de homes perfectamente armados, con lanzas e espadas, espingardas e ballestas, co propio con de Camiña á fronte. Sen máis dilación escomenza unha longa batalla, sitiando o enclave. Ao mesmo tempo, e nunha estratéxica manobra, o conde asegura con tropas a Pontesampaio, de maneira que non se puidese abastecer de reforzos a Castrizán; un movemento que resultou clave por non permitir a renovación de tropas no bando do arcebispo.


Tras un feroz asedio no que, entre outros, perde a vida Pero Pedreiro, escudeiro de Gregorio Valladares, e comprobando que a defensa era imposible, don Álvaro, cuns vinte homes que lle quedaban, refúxiase na torre da homenaxe, forte e recia, mentres os homes do conde e Fernández de Aldao rompen o recinto fortificado e cercan a torre. Sendo así, e unha vez rebasado o primeiro recinto defensivo, foi só cuestión de tempo que a fortaleza caese.
Os homes do conde rodean a torre con todo tipo de armas e materiais para evitar fugas e comezan a minar a súa estabilidade, atacando unha das esquinas da base. Don Pedro Álvarez supervisa toda a operación, consciente de que non tardará en derrubarse, vendo por fin vencido, con triunfal rostro, o castelo que dende máis preto o ameazaba.


O cerco mantense ata o mencer, en que, cercados por catrocentos homes de armas do conde, coa torre estremecéndose pola ofensiva aos cementos e sendo imposible a resistencia, don Álvaro de Varcea, canso, rende o enclave a cambio da súa vida e a dos seus homes. Cando chega o arcebispo, a fortaleza fora xa derrubada por completo e non debían de quedar dela máis ca cinsas, pedras derrubadas e muros inservibles. Y él echando lágrimas por sus ojos dijo: “Que nora mala sea”.



Extraído de: SANCHEZ SANCHEZ, X.M. “Castrizán: A fortaleza vixiante do sur. 1477-1478/9”, en Seminario de Estudios Redondeláns (SEREN). Boletín nº 2. Redondela, 2005.

 

Ata logo