ACHÁDEGOS ARQUEOLÓXICOS NO MONTE DA PENEDA

 

No seguinte artigo publicado na revista "El Museo de Pontevedra" no 1974 por Mariano García Rollán, faise constancia dos diversos achados arqueolóxicos presentes no monte da Peneda. Deste xeito podemos confirmar a importancia arqueolóxica que presenta esta atalaia que perfila a parroquia do Viso. Lembrar que esta é unha transcrición do devandito artigo e polo tanto refírese á situación dada no 1974.

 

"Hai moitos anos, A Peneda ven proporcionando a veciños e investigadores pequenos achados que demostran o seu caracter de xacemento arqueolóxico. Buscando na pouca literatura existente e preguntando ós veciños do lugar, obtivéronse referencias dalgúns de tales achados, que se poden resumir así: machadas de pedra pulimentada, coitelo e alfilete de cabelo de bronce; dúas machadas de talón dun anel (de 14x42 y 155x37 mm) e outra de talón de 2 aneis (230x48 mm, Bronce III, hoxe no Museo de Pontevedra) achadas nun cuncheiro ó abrir a estrada de subida en 1960; un caldeiro tipo Cabárcenos; escorias e obxectos de ferro (lanzas, puntas de frechas, picos, reixas de arado, machadas, trípode), moedas romanas de bronce e unha hispánica; restos de ánforas romanas do século I e cascos de cerámica castrexa. Gran parte destes materiais atópanse en poder do anticuario de Arcade (D. José Solla), e algúns no Museo de Pontevedra, que realizou unha exploración previa en 1950, e que adquiriu tódolos obxectos.

 

Na ladeira suroeste aprécianse restos de muralla que van paralelos ás estrada actual (a un nivel un pouco superior) e ó chegar á segunda curva ascenden en dirección ó cumio. O muro ten nalgúns sitios máis de 2 metros de grosor e está feito con pedras grandes irregulares, dispostas en dúas fileiras, entre as que se botaba terra e pedras menores. En canto o muro que rodea a ermida, é de data recente.

Restos das murallas da peneda (1974)

Restos de vivendas castrexas só se atoparon tres, cerca da explanada onde remata a estrada de subida, xunto a unha pequena galería. Tales vivendas eran circulares, de 3,30 , 3,60 e 4,60 m de diámetro, con parede de pedras graníticas irregulares postas sen orde, de 45 a 65 cm de grosor. Non quedan restos da entrada.

 

Unha das vivendas castrexas (1974)

 

Os habitantes debían depender en grande parte do mar , pois é frecuente atopar (sobre todo na parte baixa da ladeira sur) abundantes restos de cunchas de ostras e ameixas. Outros restos a considerar na alimentación daquelas xentes son osos de porco, algúns dentes de grandes herbívoros e abundantes landras carbonizadas.

 

Nas excursións polas ladeiras atopáronse diversos obxectos que se relacionan a continuación e que son parecidos ós atopados noutros castros célticos.

Figura 1

 

De pedra atopáronse trocos de muíños manuais horizontais (naviculares) graníticos, unha machada de pedra pulimentada (dura,de gran moi fino, gris verdosa, debuxada en A, na figura 1), un troco de xisto gris con dúas perforacións de 1 cm de diámetro, e algúns cantos rodados que puideron terse empregado de ferramentas (como o B, da figura 1).

 

Figura 2

 

De obxectos metálicos, so se citará un anaco de chumbo alterado, escorias de ferro (preto do cumio), unha especie de culleriña (A, na figura 2) dalgunha aleación parecida ó latón, atopada por uns nenos; anacos de ferro moi oxidados, como o C da figura 2 (de 0,5 cm de grosor); un pequeno cono feito con lámina de cobre de 0,5 mm de grosor, con pasador (B, na figura 2) que seguramente suxeitaría madeira no interior; un anzó de cobre (D, na figura 2), unha agulla e un anel de arame de cobre (E, na figura 2).

 

Pero o máis abundante son os restos de cerámica, tan fragmentada como de costume. En xeral pertencen a vasixas feitas a man, con pasta groseira, na que se aprecian as partículas de cuarzo e mica. Os perfiles en S e os fondos planos. A superficie soe ser lisa ou con lixeiras engurras irregulares, horizontais por arriba e tendentes á vertical na panca.

 

Figura 3

 

Nas figuras 3 e 4 vense perfiles máis correntes de bocas e fondos. Os diámetros mais frecuentes son de 15 a 20 cm nas bocas (noutros casos indícanse xunto ós perfiles) e 12 a 20 nos fondos. Son frecuentes as asas de borde como a do casco A, figura 3. O fondo B da mesma figura, posúe un fragmento de ferro que atravesaba a parede da vasixa, quizá para sostén dunha asa.

 

Figuras 4 e 5



Un tipo bastante frecuente de vasillas o reconstruído na figura 8 con asas de sección circular; pasta basta traballada a man.

 

Nas figuras 6 e 7 represéntanse os principais cascos ornamentais, en negro as partes afundidas (incisas ou estampadas no barro fresco). Tamén coinciden os motivos cos outros castros.

Figura 6

De cascos pintados só se pode citar: unha pequena franxa de vermello oscuro nun casco, tres liñas vermellas paralelas noutra cor crema e un casco de pasta moi fina crema cos debuxos de cor parda viñosa.

 

Figura 7

 

No cumio abundan restos de vasillas romanas de barro basto claro, feitas a torno, ánforas de boca moi ancha (véxanse dous perfiles de bocas en B, figura 8), paredes de 1 cm de grosor medio, asas cun surco externo (en C, figura 8, vese un corte transversal de asa), e extremo inferior en cono.

 

Nunha praia cércana (a 1,5 Km) apareceu o fragmento de tégula con marcas que se reproduce na figura 8."

Figura 8


Bibliografía: Mariano García Rollán, 1974. "La Peneda del Viso". EL MUSEO DE PONTEVEDRA. XXVIII.

 

Ata logo